Saltar ao contido principal

Docencia


Obxectivo 1.
Planificar, MELLORAR e racionalizar a oferta DE TITULOS OFICIAIS.

Compromisos:
·       Negociar coa Xunta de Galicia a harmonización da oferta global de graos e mestrados para potenciar unha oferta diferencial por Campus que poida atraer alumnado de fala portuguesa, así como de Iberoamérica e do norte de África.
·       Avanzar na flexibilización da oferta para que o estudantado poida organizar mellor a súa formación, mediante mecanismos como poden ser o aumento da oferta de dobres titulacións, o establecemento de mecanismos que faciliten o acceso a unha segunda titulación, ou o fomento das titulacións interuniversitarias con centros de recoñecido prestixio, a nivel de grao, mestrado e doutoramento.
·       Encargarlles aos centros un deseño do seu propio mapa de titulacións obxectivo, incluíndo graos e mestrados, como forma de promover unha oferta harmonizada e planificada a medio prazo.
·       Apostar polas dobres titulacións, tanto en grao coma en mestrado, apoiando os centros con vistas á súa implantación e planificando dun xeito adecuado os horarios e calendarios de exames para facilitar aos estudantes o seu seguimento.
·       Avaliar e redeseñar o mapa actual de títulos de mestrado, adecuándoo ás estratexias dos centros e á demanda. En todo caso, estas titulacións pasarán a depender funcionalmente dos centros, ao mesmo nivel que os graos.
·       Promover bloques de materias comúns a nivel de mestrado, como mecanismo de flexibilización da oferta, así como a definición de mestrados interdisciplinarios entre diferentes ámbitos co fin de avanzar cara a unha formación máis integral do alumnado.
·       Impulsar a formación do estudantado en competencias transversais, como poden ser a mellora en competencias comunicativas e de comunicación interpersoal, xestión do tempo, traballo en equipo, cultura do emprendemento ou liderado.
·       Afondar no desenvolvemento da Escola Internacional de Doutoramento como escola internacional que aglutine todos os estudos de doutoramento da universidade seguindo a súa estratexia de investigación e innovación, a partir de tres eixes principais: aumento da internacionalización, maior implicación co tecido empresarial para fomentar a presenza de doutores nas empresas e administracións, e aumento da visibilidade social do labor investigador.
·       Desenvolver, en coordinación cos centros, unha política institucional orientada á difusión da oferta formativa e á captación de alumnado que evite a posible perda de titulacións por falta de demanda.


Obxectivo 2.
Diversificar a oferta.

Compromisos:
·       Definir un Catálogo de Oferta Académica á marxe das titulacións oficiais, orientado a cubrir as necesidades e inquedanzas da sociedade no seu conxunto, incluíndo formación complementaria para o exercicio profesional, reciclaxe formativa, necesidades do noso contorno empresarial e industrial ou enriquecemento cultural persoal.
·       Crear unha Escola de Posgrao e Formación Continua encargada de coordinar e organizar esta docencia, así como as accións de formación continua orientadas ao propio persoal da Universidade (PDI e PAS), que dispoña de procedementos axeitados para xestionar esta oferta formativa co dinamismo necesario e, ao mesmo tempo, asegurar a súa calidade.
·       Procurar convenios con diferentes administracións e organizacións para que esta oferta formativa teña o maior recoñecemento posible.
·       Fomentar a participación de institucións públicas e privadas, así como de empresas, tanto no financiamento destas actividades formativas, como na impartición dalgunha delas, cando a súa natureza así o requira.
·       Promover actividades formativas orientadas ao mercado laboral, tanto para persoas ocupadas como para as que estean na procura de emprego.
·       Pór en marcha, mediante convenio coa Consellería de Educación, un Curso de Especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de formación profesional, para cubrir as súas necesidades neste eido cando, pola súa titulación, non poidan acceder ao mestrado de profesorado.

Obxectivo 3.
Procura da excelencia na docencia.

Compromisos:
·       Revisar e actualizar as enquisas entre a comunidade universitaria para identificar os puntos fortes e febles das distintas ensinanzas impartidas.
·       Crear un Programa de Dotación de Material Docente que permita a mellora dos recursos dispoñibles nas aulas con vistas á utilización de novas metodoloxías docentes. Asemade, avanzar na dotación de espazos axeitados para outras actividades docentes, como pode ser o traballo en grupos reducidos.
·       Pór en marcha un Programa de Dotación e Renovación de Equipamento de Laboratorios e Talleres que identifique e permita planificar os investimentos necesarios para ofrecer unha formación práctica de calidade.
·       Incentivar a consecución de acreditacións internacionais para as titulacións oficiais da universidade, como poden ser, por exemplo, os selos de excelencia EUR-ACE, EURO-INF ou ABET.

Obxectivo 4.
Aposta decidida pola Innovación docente e a docencia virtual.

Compromisos:
·       Promover a formación do profesorado no ámbito da innovación docente, así como a creación de grupos de investigación interdisciplinarios neste ámbito.
·       Fomentar o intercambio e difusión de actividades exitosas no ámbito da innovación docente mediante a creación de repositorios de material e a posta en marcha de plataformas colaborativas para o profesorado.
·       Desenvolver accións orientadas ao fomento da cultura de innovación docente, tanto para o persoal como para o estudantado, mediante convocatorias de proxectos, premios..., así como co deseño dun sistema de recoñecemento docente para o profesorado que se involucre no desenvolvemento de contidos ou actividades docentes innovadores.
·       Revisar e actualizar as ferramentas dispoñibles na universidade para dar soporte á creación de materiais docentes virtuais, así como para a súa posterior difusión.
·       Apoiar a creación de MOOC (Massive Open On-line Course) con vistas a crear na Universidade de Vigo un Espazo de Coñecemento Aberto na rede, como forma de achegamento da universidade á sociedade.
·       Fomentar a creación de SPOC (Small Private Online Course) para o alumnado e así constituír un material complementario para as materias e tamén para outras actividades como poden ser, por exemplo, os "cursos 0" ou accións de captación de alumnado para determinadas titulacións.
·       Introducir paulatinamente a docencia virtual naquelas actividades académicas de grao e mestrado en que se considere axeitado, así como regular as especificidades deste tipo de formación.
·       Avanzar cara á consecución do obxectivo de dispor de estudos de doutoramento que o estudantado poida seguir de forma totalmente virtual.

Obxectivo 5.
Racionalizar A XESTIÓN ACADÉMICO-ADMINISTRATIVA DAS TitulacióNs.

Compromisos:
·       Redefinir o modelo de xestión dos aspectos académicos e administrativos das titulacións oficiais, para adaptalo ás novas necesidades xurdidas dos diferentes cambios normativos producidos como consecuencia da adaptación ao EEES. Entre outras cousas, faise necesario regular o marco de responsabilidade compartida entre o PDI e o PAS en diferentes aspectos, así como ampliar o soporte a determinados procesos, como poden ser os asociados á implantación de políticas de calidade.
·       Ampliar o soporte á EIDO, tanto no referente á súa xestión administrativa, como á cobertura das súas necesidades económicas para realizar con eficiencia as súas funcións, así como para integrar toda a oferta de doutoramento da universidade e continuar co seu desenvolvemento asumindo novos retos.

Obxectivo 6.
Racionalizar os cálculos da Programación Docente Anual.

Compromisos:
·       Incluír na Programación Docente Anual (PDA) da Universidade de Vigo todas as titulacións oficiais (grao, mestrado e doutoramento) cun tratamento homoxéneo. Os centros serán os encargados de realizar a PDA e o encargo docente aos departamentos, e estes serán os encargados de asignar a docencia ao seu persoal.
·       Incluír na PDA, e, polo tanto, nas encargas docentes, todas as actividades docentes reflectidas nos plans de estudos (TFG, TFM, practicum, prácticas en empresa...), cun dimensionamento acorde co traballo que supoñen.
·       Acabar, no referente á docencia presencial, co procedemento actual de cálculo da PDA baseado en taxas, e substituílo por un baseado no concepto de grupo de clase, en consonancia co principio, que consideramos básico, de que unha hora de docencia presencial na aula correspóndese cunha hora de profesor/a en POD.
·       Eliminar progresivamente a taxa homoxénea do 15% para todas as titulacións no referente á contabilización do alumnado repetidor para o cálculo da PDA, ata substituíla por unha baseada nas taxas obxectivo definidas nos plans de calidade dos centros.

Comentarios